Aberto o prazo para tramitar a tarxeta-bono “Sempre Carballo”

Tarxeta "Sempre Carballo"

  • Un total de 262 empresas e autónomos están adheridos á campaña, que permitirá inxectar 700.000 euros na economía local

Desde este martes e ata o 15 de novembro xa se pode tramitar a tarxeta-bono “Sempre Carballo”, que contará cun saldo de 30 euros para consumir en establecementos do municipio.

A través deste enlace, as persoas usuarias da tarxeta deberán cumprimentar os seus datos para poder recibila en tan só uns días. A tarxeta vai destinada a todas as persoas maiores de idade con residencia en Carballo anterior ao 31 de xullo deste ano, e só se considerarán válidos os domicilios que coincidan cos datos que constan no Padrón Municipal de Habitantes.

O prazo para consumir o crédito da tarxeta, que non se pode recargar e que deberá ser utilizada exclusivamente pola persoa titular, rematará o 30 de novembro. O obxectivo do programa, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica, é revitalizar a economía local cunha inxección directa de 700.000 euros nas empresas carballesas e fomentar o consumo no propio concello.