- As solicitudes para ambos postos de traballo poderán presentarse no Rexistro municipal ata o 9 de maio
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este xoves as bases dos procesos para a contratación dun técnico ou técnica de igualdade e doutros tres para a oficina de turismo municipal de Camariñas, todos subvencionados a través da Deputación da Coruña.
O posto do axente de igualdade non estaba cuberto nos últimos anos e entre as súas funcións destacan a detección de necesidades en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero; información, orientación e asesoramento; realización de proxectos de dinamización de políticas de igualdade; fomento do asociacionismo ou desenvolvemento de obradoiros de igualdade nos centros escolares e tamén dirixidos ao eido rural. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro municipal, de xeito presencial ou telemático, ata o 9 de maio.
Para a contratación de técnicos ou técnicas de turismo ábrense dous procesos: un para contratar a unha persoa a tempo completo e outro para outras dúas a tempo parcial. Entre as súas funcións estará a apertura e atención do Servizo de Información Turística de Camariñas. O horario en tempada alta (xuño, xullo, agosto e setembro) será de 10.30 a 14.00 horas e 16.30 a 20.00 horas todos os días, fins de semana e festivos incluídos. Fóra da tempada alta será de 10.30 a 14.30 horas e 16.00 a 19.30 horas as fins de semana e festivos. As solicitudes tamen poderán presentarse no Rexistro ata o 9 de maio.