Aberto ó público o novo centro comercial Nasas Nigrán


Despois dos últimos preparativos, reunións de equipo e moita actividade, o Nasas Nigrán foi inaugurado esta semana. En 14 meses esta parcela do Porto do Molle transformouse nunha enorme superficie comercial ao aire libre onde se combinan o entretemento e as compras. “É un ocio moi enfocado á familia, cos nenos de protagonistas. Ademais Nasas mestura o entretemento con tendas de primeiras marcas internacionais e tamén comercios e restauración local”, explica José Antonio García, promotor do centro comercial. Ademais das grandes marcas, tamén se poden atopar doce negocios locais que agardan gañar visibilidade e clientela formando parte do proxecto.

A ocupación do espazo comercial xa está ao completo e a previsión é de que por aquí pasen uns 5 millóns de visitantes no 2023. “O investimento total superou os 55 millóns de euros, xeramos 350 postos de emprego directos e 150 indirectos, o 78 % son empregados da provincia de Pontevedra”, concreta o promotor. Os promotores destacan tamén a accesibilidade e a sustentabilidade e o lugar elixido, pensado para atraer clientes de toda a provincia, o norte de Portugal e o turismo de veraneo da zona.