Abertos a visitantes o mosteiro de Caaveiro e o Pazo de Mariñán


Ata o 6 de setembro, a Deputación da Coruña, en colaboración co Parque Natural das Fragas do Eume, pon a dispor dos visitantes un servizo especial gratuito de transporte en autobús ao mosteiro de Caaveiro, con buses de ida e volta todos os días, cada hora, entre as 10.30 h. e as 20.00 horas.

O ano pasado, o mosteiro de Caaveiro recibiu 60.572 visitantes, a meirande parte deles durante os meses de verán. Debido a esta elevada afluencia de público, a Deputación decidiu, un ano máis, pechar o acceso en coche ao cenobio e pór a dispor dos visitantes este servizo especial de transporte.

Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, será obrigatorio o uso de máscara tanto no autobús coma no recinto do mosteiro, excepto para os menores de seis anos.

Visitas ao Pazo de Mariñán

Por outra banda, a Deputación abriu tamén as visitas ao Pazo de Mariñán. Os xardíns do pazo poden visitarse libremente de 9.00 a 21.00 horas todos os días da semana.

As visitas guiadas desenvolveranse os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 18.00 horas ata o 30 de xuño e desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro todos os días da semana, incluíndos domingos e festivos.

Os visitantes deberán tamén levar máscara e respetar os aforos que se indican no Pazo de Mariñán.