O Grupo Especial de Operacións da Policía Nacional abordou a 600 millas das illas Canarias un mercante con 6.500 quilos de cocaína nas súas adegas e que tiña como destino final o porto de Vigo. A unidade de elite, baixo a dirección da Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional e co apoio da Armada Española, coordinou o operativo para localizar a embarcación en base ás informacións recibidas pola Administración de Control de Droga (DEA) norteamericana. O barco nodriza sería unha embarcación tipo supply ship, con bandeira de Tanzania, que partira cara España dende o panameño porto de Cristóbal Anch. Coa alerta recibida, o rumbo facilitado e o modus operandi, as forzas de seguridade deseñaron un operativo para evitar que a droga puidese chegar ata as costas españolas. Tras o dispositivo de abordaxe detiveron os nove membros da tripulación e localizaron estruturas e construcións alleas a este tipo de buques, destinadas a almacenar a droga.
4