Abre a convocatoria para o desenvolvemento de clubs de lectura nos centros escolares


A Xunta vén de abrir a convocatoria para o desenvolvemento de Clubs de Lectura nos centros escolares galegos, ben para a súa implantación por primeira vez ou ben para a continuidade deste programa nas etapas de Primaria (que se abriu por primeira vez o pasado curso) e de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no marco do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, conta un orzamento de 400.000 euros destinados, principalmente, a sufragar a adquisición de libros para as actividades do club, que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar, así como para outros gastos de funcionamento.

O obxectivo destes Clubs -que o pasado curso chegaron a 346 centros públicos e contaron con máis 12.000 participantes- é promover e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística…).

Este tipo de iniciativas contribúen a que Galicia estea nos postos de cabeza dos resultados en competencia lectora, tal e como corrobora o último informe PISA. Os alumnos galegos obtiveron un total de 494 puntos en lectura, 17 puntos por riba do promedio de España, sete por riba do da OCDE e cinco por riba da Unión Europea.