O Diario Oficial de Galicia vén de abrir o prazo para optar a esta distinción que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez, de xeito pioneiro, no curso 2019-20.
As tres universidades dispoñen dun máximo de dous meses para que poidan solicitar este selo de calidade que acreditará o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos e que suporá, ademais, unha garantía de futuro para os estudantes. Asemade, a obtención deste selo, que ten unha duración de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.
Cada universidade do SUG poderá presentar, como máximo, ata tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de máster universitario oficial nas que deben figurar como universidade coordinadora no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están o de ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2017-18, e que continúe impartíndose na actualidade.