Abre a fase de información pública do proxecto da senda peonil da estrada PO-548 en Valga


O proxecto detalla unha actuación centrada entre os puntos quilométricos 2,9 e 3,2 da PO-548 para a habilitación dunha senda peonil que, posteriormente, continuará a través dunha pista municipal ata o punto 3,9 coincidindo cun entronque e onde se completará este investimento ata alcanzar, 180 metros máis adiante, a igrexa parroquial de Santa Calumba de Cordeiro.

A senda peonil discorrerá pola marxe esquerda da estrada ata o cruce coa pista municipal que lle dará continuidade e precisará da instalación dunha pasarela metálica de grandes dimensións, de 21 metros de lonxitude por case 3 metros de anchura, sobre o río Louro.

Así mesmo, tamén se fará precisa a ampliación do paso sobre o citado caudal, polo que se ampliará a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e, finalmente, construiranse catro muros de contención co obxectivo de asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade. Todo elo quedará rematado con diversas obras de drenaxe e a instalación dun colector de augas para a rede de sumidoiros.

Para a execución desta actuación serán necesarias un total de 20 parcelas cunha superficie global de 5.079 m², dos cales 520 metros están en zona catalogada de dominio público. Segundo se recolle no documento, o valor dos ditos terreos, dos que se vai proceder á expropiación, estímase en máis de 30.000€.