Abre a inscrición para participar en ‘Mocidade’, un evento de emprendemento, creatividade e talento xuvenil

1 minutes read

A Xunta de Galicia abre a inscrición para participar en Mocidade: Encontro da xuventude creativa e emprendedora Galicia-Norte de Portugal que ofrece 400 prazas. Trátase dun espazo de formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos e ideas, así como impulsar á xuventude no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O obxectivo deste encontro, que terá lugar do 25 ao 27 de outubro na Cidade da Cultura, é fomentar a creatividade e o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa a través dun espazo aberto á participación, ao tempo que fortalecerá os lazos de cooperación transfronteiriza Galicia–Norte de Portugal, especialmente en temas que melloren a empregabilidade da xuventude. Así, no transcurso da cita, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela habilitará un punto de recollida de currículos.

Mocidade procura promover o diálogo entre os participantes galegos e portugueses, pero tamén busca asentarse como un evento de referencia para as mozas e mozos grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes, como poden ser os videoxogos. De feito, os días 25 e 26 a firma e-Sports contará cunha zona para exhibición na que poderán participar as mozas e mozos participantes.

Este evento está destinado ás mozas e mozos galegos de entre 18 e 30 anos de idade. A inscrición é totalmente gratuíta e dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, aos concertos musicais, así como ao aloxamento e manutención durante os tres días do encontro. Para solicitar unha das prazas que se ofertan deberase realizar a solicitude a través do formulario habilitado na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.