Este mércores inaugurouse a primeira mostra retrospectiva sobre a traxectoria de Xosé Vizoso no Ecomuseo Forno de Forte de Buño, onde permanecerá exposta ata o 30 de xuño. Ademais do propio artista, no acto inaugural participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e contou coa asistencia de parte da Corporación de Malpica, tamén do alcalde de Laxe, José Luis Pérez, e do alcalde de Brión, Pablo Lago, concello este no que reside e no que ten o seu estudo Xosé Vizoso.
Trátase dunha exposición, que ademais de ser a primeira retrospectiva que se lle dedica a Xosé Vizoso supón, a primeira das actividades que acolle o Forno do Forte desde a recente remodelación para adaptar tres salas a actividades temporais. No acto inaugural tamén participaron o músico Moisés Quintas e o comisario da mostra Aser Álvarez, de Arrianos Producións.
Convén lembrar que Xosé Vizoso ten unha longa traxectoria como ilustrador, deseñador, ceramista, escultor, escenógrafo, cartelista, muralista, pintor e caricaturista, sempre a carón de Isaac Díaz Pardo, no departamento de deseño de Sargadelos.