Abre ao público a zona máis antiga do Convento de Herbón

1 minutes read

Este luns quedou aberta ao público a zona máis antiga do Convento de Herbón, tras unha restauración que se centrou na recuperación do claustro, a peza de maior antigüidade deste conxunto da primeira metade do século XVII, ao que resultaba imposible acceder con seguridade.

O complexo de Herbón foi fundado no ano 1396 e desde entón pasou por varios usos e etapas que van desde o colexio de misioneiros e seminario ata o convento, centro educativo e residencia da comunidade franciscana. Na actualidade, presenta un estado de conservación diverso e mentres que a igrexa e a residencia dos frades se atopan en bo estado, o claustro, zona na que se centraron as actuacións, presentaba un estado deficiente. Ademais do claustro, no convento tamén destaca a fonte de San Bieito, que verte auga polo peito, así como o altar con obras de Benito Collazo, Gambino, José Ferreiro ou Puente.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou o Convento, onde a actuación permitiu abrir ao público a zona máis antiga deste conxunto declarado Ben de Interese Cultural no ano 2013.