Abre ao público o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte situado en Golmar, na Laracha

1 minutes read

O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado no Igrexario da parroquia de Golmar, inicia a súa programación de verán anunciando un horario de apertura para o público en xeral amplo e continuado co obxectivo de seguir promovendo a posta en valor do patrimonio histórico e etnográfico municipal.

Durante os próximos meses o museo permanecerá aberto de martes a sábado de 10:00 a 18:00 horas. A entrada para o público é gratuíta, e anímase a que acudan ao centro tanto a turistas, visitantes como aos propios veciños do termo municipal da Laracha interesados en coñecer este espazo singular dedicado á historia e ao funcionamento dos muíños de auga.

O museo ofrece unha experiencia de visita mellorada trala renovación integral da súa mostra expositiva realizada o pasado ano. Esta actualización permitiu modernizar os contidos e reforzar o seu carácter didáctico e divulgativo, ofrecendo un percorrido máis completo e atractivo que combina recursos audiovisuais, paneis interpretativos e novos materiais que facilitan a comprensión do patrimonio vinculado á cultura tradicional e aos entornos fluviais.

Ademais de acudir ao museo individualmente, tamén se ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas para grupos, que deberán concertarse previamente a través do correo electrónico museodegolmar@alaracha.gal ou no teléfono 647 828 559.

Con esta iniciativa o Concello reforza o seu compromiso coa difusión do patrimonio local e coa dinamización dunha instalación consolidada como un dos referentes culturais do municipio.