Abre o III macrocuestionario sobre convivencia nas aulas, poderase cubrir ata o día 29


Con esta ferramenta, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en marcha por primeira vez en 2015 e que se repetiu en 2019, búscase actualizar a radiografía da situación dos centros escolares en canto á convivencia, así como testar a evolución no tempo co fin de implementar as medidas específicas e máis axeitadas á realidade das aulas. De feito, o obxectivo é implantala con carácter bianual co fin de realizar unha trazabilidade rigorosa a partir da secuencia histórica obtida coas variables traballadas.
Ademais este ano, a partir dos distintos cuestionarios segundo os colectivos aos que van dirixidos, poderase extraer información sobre o contexto da pandemia no eido da convivencia escolar.

Esta acción vaise enmarcar dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2021-2025 EduConvives, que nestes momentos está en fase de elaboración a través de contactos cos distintos colectivos co fin de acadar un documento final consensuado.

Un proceso confidencial de 10 minutos

O macrocuestionario xa foi remitido aos centros educativos para que o fagan chegar ao conxunto dos integrantes da súa comunidade escolar, que dispoñe de prazo para cubrilo desde mañá luns día 12 ata o 29 de abril. A enquisa cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes. Desta forma, os destinatarios poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas,…). A maiores, as familias, a través de Abalar móbil recibirán un aviso sobre a dispoñibilidade da enquisa.

Trátase dun proceso totalmente privado e anónimo e, co fin de acadar os resultados máis obxectivos posibles, o contido das preguntas coñecerano cada un dos participantes no proceso no mesmo momento en que decide cubrir o cuestionario. Para manter a súa fiabilidade, validez e consistencia interna, mantense o groso das preguntas das dúas edicións anteriores, que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas.