Abre o período de inscrición para os minicampamentos “Coñece Galicia”


Estos minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa segunda edición tras o éxito de acollida do ano pasado, constan de 600 prazas, 67 máis que o ano 2020. A inscrición pode facerse na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.

Dirixida a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, serve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facer máis accesibles os minicampamentos, aplicaranse descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove, que chegará de forma gratuíta aos domicilios das 400.000 mozas e mozos galegos.

Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías rápidas de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro, que tanto sufriu este ano. Trátase de ofrecer “un verán tranquilo e un verán seguro” ás familias e aos mozos que participen na campaña estival, que este ano se desenvolverá baixo o lema “O verán que mereces”, sinalou a conselleira de Política Social, Fabiola García, na súa presentación.