Abre o prazo de adhesión das entidades que participarán na xestión de axudas a proxectos de biomasa


Desde este mércores está aberto o prazo para que todas as entidades que queiran colaborar na xestión de axudas para proxectos de biomasa destinados a particulares poidan realizar a súa solicitude de adhesión.

A través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, o Goberno galego destina 1,5M€ a esta convocatoria de concorrencia non competitiva dirixida ás familias galegas e que se xestiona a través de entidades colaboradoras. Agárdase mobilizar 3,75 millóns de euros no sector, conseguir aforros enerxéticos de 9000 MWh e impulsar a creación de 37 empregos, ademais de reducir as emisións de CO2 en 2700 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 135.000 árbores e diminuír a factura enerxética en 360.000 euros anuais.

A contía das axudas será dun 50%, ata un máximo de 60.000 euros, para apoiar proxectos con fins de aforro enerxético que fomenten enerxías renovables como é o caso da biomasa. Para garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, elevados niveis de eficiencia e un bo comportamento con respecto ao medio ambiente.

Con esta liña de axudas, que abrirá o prazo de solicitude para particulares o 1 de marzo, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución de custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías, e máis nun momento de escalada de prezos na factura da luz. Así, unha caldeira de biomasa supón aforros de ata o 50% con respecto ao gasóleo e dun 30% con respecto ao gas natural. Nunha vivenda unifamiliar permite aforros de 1800 euros ao ano con respecto aos radiadores eléctricos.

A convocatoria complementa as axudas, xa en marcha, para impulsar proxectos de enerxías renovables térmicas dirixidas ao sector residencial que conta cunha dotación de preto de 5,7M€ para iniciativas de xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica, ademais de biomasa.