As axudas estarán destinadas á renovación de electrodomésticos nos fogares galegos que, durante este ano 2022, permitirá a 13.000 familias aforrar 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica, nun momento en que a elevada inflación dos produtos enerxéticos está a impactar considerablemente nos fogares. As entidades colaboradoras terán a posibilidade de adherirse desde este mércores 2 de marzo e ata o 30 de xuño; mentres que os particulares poderán solicitar as axudas a partir do 23 de marzo e ata o 30 de setembro.
Os apoios do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total. As axudas serán de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e pedidas a través de entidades colaboradoras.
Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.