Abre o prazo de admisión do viveiro industrial de empresas da Laracha


O Concello da Laracha anuncia que na próxima semana ábrese o prazo de solicitude a tódalas persoas físicas ou xurídicas que leven un máximo de 6 meses constituídas como empresa ou como autónomas, ou que o vaian facer nun prazo máximo de 3 meses dende a resolución de cesión e que desexen facer uso no Viveiro Industrial.

Unha das peculiaridades deste viveiro, é que deberán desenvolver actividades que se consideren compatibles coas categorizacións industriais indicadas no artigo 3 do DECRETO 37/2015, de 12 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia.

O edificio do Viveiro conta con zonas comúns para o servizo dos emprendedores industriais, cun espazo multiusos e de reunión, unha zona de espazos/postos aberta, e unha zona de naves, dividida en dous independentes con  acceso independente propio e que comunica mediante corredor có edificio de servizos comúns, aseos e vestiarios. Adxacente á parcela existe unha amplía zona de aparcadoiro. Como servizos xerais atópase un vestíbulo-recepción.

A principal característica a destacar do Viveiro Industria é a posibilidade do  uso independente de cada zona. O edificio do Viveiro Industrial consta de dúas zonas, unha destinada a naves de uso industrial, taller artesanal ou similares, principalmente opaca, onde se ubican as 2 naves, con acceso peonil polo vestíbulo e outra independente a través dos amplos portóns eléctricos, o cal facilita o acceso a diferentes tipos de transporte ou maquinaria; e outra zona destinada a 8 oficinas/postos, servizos xerais, vestíbulo recepción, unha sala de reunión-multiusos.

As empresas e/ou autónomos que se instalen no Viveiro contarán con servizo de administración-recepción, limpeza e mantemento de zonas comúns, seguridade, aparcadoiros, aseos, sala multiusos, conexión a internet e suministro básico de auta e electricidade

Outro atractivo do novo viveiro de empresa municipal é o coste mínimo que terá para os novos usuarios das instalacións, será unha taxa trimestral de 900 euros (trimestre) no caso das naves e de 180 euros (trimestre) no caso das zonas de traballo/oficina. O que será un gasto mensual de 300 euros para as naves e de 60 euros no caso das zonas de traballo.

Os obxectivos principais que o Concello  persegue cos Viveiro de Empresas son, favorecer a creación e consolidación de novas empresas, a xeración de emprego, favorecer a instalación de empresas de carácter innovador. Busca ser un instrumento de apoio eficaz para aquelas iniciativas empresariais que precisen dun espazo físico de localización, infraestrutura, loxística e servizos ofertados polos Viveiros.

As empresas poderán permanecer no viveiro de empresas durante un ano con opción a unha prórroga de ata 12 meses mais.

Toda esta información poderá ser consultada nas bases publicadas no BOP nº114 de 16 de xuño de 2022, así como na Axencia de Desenvolvemento Local de Concello da Laracha, ubicada no Edificio Administrativo, tamén no número de teléfono 981612811 ou no e-mail viveiroempresas@alaracha.gal.

O período de presentación de solicitudes será dun mes dende o día seguinte á publicación no BOP da Coruña, da apertura de prazo, que será a vindeira semana.