Abre o prazo de inscrición da edición do programa “TecEuropa” destinada a entidades locais

.

A Fundación Galicia Europa (FGE) abre o prazo de inscrición para a nova edición do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa. Esta 11ª edición, que se celebrará de xeito virtual entre o 4 e o 12 de marzo de 2021 está dedicada a entidades locais públicas, como concellos e deputacións, e abordará o novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e o novo instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU, desde unha perspectiva local.

Tras a alta demanda percibida na décima edición, que bateu cifras récord de participación, e tras escoitar as suxestións dos asistentes, o padroado da FGE e o seu director, Jesús Gamallo, acordaron na súa última reunión do ano 2020, a celebración de novas edicións de TecEuropa neste ano destinadas á formación de técnicos de entidades públicas e privadas galegas, no marco do compromiso da entidade coa defensa dos intereses da comunidade galega para optar aos fondos europeos.

Nesta nova edición, moderada pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, os asistentes poderán, ao longo de cinco xornadas e da man de especialistas e representantes comunitarios, profundar en todos os aspectos relativos ao Plan de Recuperación para Europa, identificar as oportunidades que ofrece a nivel local e intercambiar ideas e compartir boas prácticas.

Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de dez edicións á formación de máis de 250 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.