Abre o prazo de inscrición do programa Tecnólogo por un día para estudantes de 15 a 17 anos


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do programa Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent. Como en edicións anteriores, cóntase coa colaboración de empresas do sector TIC galego que acompañarán aos participantes nas distintas sesións online.

Nesta edición, optouse por converter o programa ao formato online para poder seguir contribuíndo a mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas, así como a súa percepción entre estudantes de 15 a 17 anos. É unha forma de achegar aos estudantes ao contexto e realidade da que formarán parte no futuro a través de tres modalidades distintas de sesións. A primeira, “Digital beginner”, permitirá a 72 estudantes participar en talleres prácticos ou a resolución de retos e problemas de proxectos reais de forma remota, un xeito único de inmersión nestes traballos da man de profesionais voluntarios/as que lles permitirán achegarse ás ferramentas e coñecementos empregados no día a día.

A segunda modalidade, “Digital Recruit” con 38 prazas dispoñibles, consiste nunha cita con responsables de captación de talento nas empresas TIC para que os participantes coñezan en detalle as capacidades ou coñecementos máis demandados polas empresas deste sector. E, por último, “Mentoring DigiTalent” dará a oportunidade a 42 alumnos/as de manter un encontro distendido con profesionais de ampla traxectoria no sector TIC que poidan proxectarse como figuras e modelos a emular para os estudantes e co obxectivo de mellorar a súa comprensión e entendemento das profesións dixitais.

Ata o 22 de marzo permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar. Deberán cumprimentar o formulario dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/tecnólog-por-un-día, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada modalidade de sesión por parte das empresas colaboradoras no programa, indicando as preferencias do alumnado.