A área de Emprego da Deputación da Coruña vén de abrir a presentación de candidaturas á cuarta edición dos Premios PEL, que poderán rexistrarse ata o 8 de xaneiro de 2021 ás 14.00 horas.
Este ano, debido a excepcionalidade da situación que estamos a vivir, a Deputación dedicará unha das categorías do premio a recoñecer a aquelas iniciativas innovadoras que, impulsadas tanto por empresas como por concellos, contribúan á loita contra a COVID-19. Deste xeito, ás cinco categorías que conforman esta nova edición son:
1ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial nova, destinado a autónomos/as e empresas da provincia constituídas nas anualidades 2019 ou 2020.
2ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada, para autónomos/as e empresas da provincia constituídas en 2015 ou con anterioridade.
3ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19, para autónomos/as, empresas e concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os efectos negativos derivados da pandemia
4ª CATEGORÍA: Premio ao concello promotor do emprego de calidade, destinado aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia
5ª CATEGORÍA: Premio á mellor asociación empresarial, para asociacións, agrupacións e federacións de empresarios e empresarias da provincia
A Deputación destinará un total de 75.000 euros aos premios, 15.000 € en cada unha das categorías.
Débese ter en conta que non se admitirá máis dunha candidatura por entidade e categoría, coa única excepción de que os concellos poderán presentar candidaturas á terceira e cuarta categorías.
A participación realizarase mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL: https://sede.dacoruna.gal/subtel/