Abre o prazo de presentación de candidaturas para os Premios Artesanía de Galicia

1 minutes read

Desde este luns 17 e ata o 28 de outubro estará aberto o prazo para a recepción de candidaturas para os Premios Artesanía de Galicia 2022, convocados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de recoñecer un ano máis o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, así como de impulsar o relevo xeracional no sector. Como en anos anteriores, estes galardóns dividiranse nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto. As solicitudes e a documentación complementaria deberanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego. Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.