Abre o prazo de presentación de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla


As solicitudes das autorizacións para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla durante a próxima tempada poderán presentarse ante a Xunta desde este venres e durante un período de 15 días hábiles. Así se recolle na orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia e na que se regula a normativa específica que rexerá para esta especie durante a tempada 2022.

A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, xa que para a súa captura seguen a utilizarse procedementos e artes tradicionais, que están prohibidos para o resto de peixes. De feito, a lamprea e a anguía son as únicas especies que poden ser obxecto da pesca continental de carácter etnográfico. Por iso, se establece cada ano un réxime especial para a súa captura co obxectivo de que se realice un aproveitamento ordenado das poboacións existentes.

Dentro das pesqueiras tradicionais do Ulla, existen na actualidade 28 que aínda están operativas. As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e cada pesqueira. Xunto cos permisos, entregaráselle a cada persoa un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estará sempre a disposición das autoridades competentes e, unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado, nun máximo de 15 días, ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.