Abre o prazo de solicitude das axudas para o fomento das renovables


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a nova convocatoria para fomentar proxectos de aforro enerxético a través das enerxías renovables coas que as empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas locais poderán aforrar ao redor de 500.000 euros anuais nas súas facturas. Os interesados poderán presentar as solicitudes desde este mércores, 26 de maio, e contarán cun mes de prazo. Esta liña é de concorrencia competitiva e conta cun orzamento de 2,65M€ que contribuirá ao aforro enerxético pero tamén á reactivación da economía galega e da competitividade empresarial. Apoiará a instalación de proxectos de biomasa tanto en empresas como para autónomos, entidades sen ánimo de lucro e concellos; e iniciativas de xeotermia, aerotermia e solar térmica no tecido empresarial, incluído o colectivo autónomo. A contía das axudas será dun 80% para as administracións e entidades; e dunha media do 60% para as empresas e autónomos cun máximo de 250.000 euros por proxecto.