Abre o prazo de solicitude das bolsas para o Centro Superior de Hostelería de Galicia


O Diario Oficial de Galicia, DOG, publicou este martes a convocatoria para solicitar as bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostelería de Galicia, CSHG para o curso 2022/2023.

As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula común por titulación do 80% ou do 50% sobre o prezo total.

Deste xeito, convócanse 6 bolsas co 80% de desconto no prezo da matrícula e 15 bolsas co 50% de desconto para cursar o primeiro curso do grao de Xestión de Empresas Hostaleiras.

Poderá solicitar estas bolsas o alumnado que reúna os requisitos académicos e económicos que establece esta convocatoria e teñan feito, se procede, a reserva de praza nalgunha das titulacións do CSHG para o curso 2022/23, no seu primeiro curso.

No caso no que non se cubran a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2022/2023, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

O prazo para facer as solicitudes é dun mes e entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. O proceso de solicitude deberá xestionarse por medio da sede electrónica da Xunta.