A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abre este mércores por un período de 15 días hábiles o prazo de presentación de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla durante a vindeira tempada, segundo figura na Orde que regula a práctica desta actividade que acaba de publicar o Diario Oficial de Galicia. A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, xa que para a súa captura seguen a utilizarse procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado da lamprea.