Abre o prazo de solicitudes para ser entidade colaboradora do Renove Automoción

Este venres abriu o prazo de solicitudes para que os concesionarios ou puntos de venda de vehículos situados en Galicia poidan adherirse como entidades colaboradoras ao programa Renove Automoción, o plan galego de transición cara a unha mobilidade eficiente. Con esta iniciativa, que cumpre a súa terceira edición, o Goberno autonómico destina 2,5M€ –máis do triplo que na anterior convocatoria– para apoiar a adquisición de ao redor de 1100 vehículos enerxeticamente eficientes por parte de particulares, empresas e autónomos.

O obxectivo desta proposta da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é promover a substitución de vehículos de certa antigüidade por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire, tendo en conta que o parque móbil galego ten unha media de 14 anos. Así, reduciranse as emisións de CO2 equivalentes á acción de plantar 36.000 árbores e favorecerase unha redución de custos de 300.000 euros anuais na mobilidade, así como dun aforro enerxético equivalente a 274.000 litros de gasóleo.

Esta nova convocatoria do Renove Automoción complementa ao plan Moves, un programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que xestionan as comunidades autónomas e que tamén cumpre a súa a terceira edición. Neste caso, apóiase a adquisición de vehículos eléctricos e de infraestruturas de recarga.

Tanto o Renove Automoción como o Moves III teñen como obxectivo fomentar investimentos nunha mobilidade eficiente e sostible que contribúa a unha redución de enerxía neste sector e a facer fronte ao cambio climático –o transporte representa o 31% do consumo de enerxía final en Galicia–.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha