Abre o prazo do concurso do deseño do cartel do 8 de marzo, Día Internacional da Muller


A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abre o prazo de presentación do concurso do deseño do cartel do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Os centros educativos de ensino non universitario galegos poderán presentar os seus traballos ata o vindeiro 17 de febreiro, ás 15.00 horas.

Establécense no certame tres categorías: a primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria; a segunda para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial; e a terceira categoría para as alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior.

O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. As bases do concurso poden consultarse na seguinte ligazón: http://igualdade.xunta.gal/gl/actualidade/convocatoria-do-vi-concurso-de-carteis-do-8-de-marzo-de-2023-dia-internacional-da-muller.