Abre o prazo para acceder a préstamos sen xuros para rehabilitar vivendas


As persoas e comunidades de propietarios interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde ata o vindeiro 1 de setembro.

A achega autonómica poderá chegar a ser do 100% dos xuros durante os primeiros anos de préstamo aínda que dependerá da situación económica de cada solicitante. Deste xeito, se a familia beneficiaria ten uns ingresos inferiores a 4 veces o IPREM, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá a totalidade dos xuros durante un período de 4 anos; e en caso de que se sitúen entre 4 e 5,5 veces o IPREM, a subsidiación será do 80% durante 3 anos.

Pola contra, se o titular acredita uns ingresos de entre 5,5 e 6,5 veces o IPREM ou ben se o solicitante é unha comunidade de veciños, non terán dereito a ningunha bonificación sobre os xuros aínda que si se beneficiarán das condicións vantaxosas que lles garante estes préstamos, como, por exemplo, a exención de comisións.

Para a concesión destas axudas en forma de subsidiación, a Xunta reserva unha partida de 400.000 euros, o dobre que en 2021. En todo caso e tendo en conta as achegas que farán os propietarios, a previsión é que grazas a esta medida se xere un investimento inducido de 5 millóns de euros en obras de rehabilitación de vivenda en Galicia.