O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria das oposicións de educación para este ano, na que se acumulan as prazas das ofertas públicas de emprego docente de 2021 e 2022. Convócanse todas as prazas, agás as que dependen da publicación por parte do Ministerio da nova lei de Formación Profesional.
O prazo de presentación de solicitudes ábrese desde este martes, día 1, ata o 21 de febreiro. Presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo, deberá procederse ao pagamento da taxa vixente no momento da presentación electrónica da solicitude.
Deste xeito, a partir do 18 de xuño celebraranse as probas para un total de 2.484 prazas.
Delas, 2.174 serán de novo ingreso, coa seguinte distribución:
| Corpo | Prazas | Número de especialidades |
| Mestres | 950 | 8 |
| Profesores de ensino secundario | 1.171 | 29 |
| Profesores de escolas oficiais de idiomas | 45 | 4 |
| Profesores de artes plásticas e deseño | 8 | 5 |
No caso da promoción interna, haberá 310 prazas, coa seguinte distribución:
| Corpo | Prazas | Número de especialidades |
| Inspectores de educación | 10 | 1 |
| Acceso do Subgrupo A2 ao Subgrupo A1 Corpo de profesores de ensino secundario | 298 | 26 |
| Corpo de Profesores de Artes Plásticas e Deseño | 2 | 2 |
O resto, ata completar as 2.628 prazas en 61 especialidades aprobadas, convocaranse unha vez o Ministerio de Educación publique a nova lei de Formación Profesional e un desenvolvemento da norma no relativo ao novo corpo que se crea (de profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo de profesores técnicos de FP que se integran no corpo de profesores de ensino secundario.