O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria das 108 bolsas Retorna Talento FP, dirixidas a que a mocidade galega do exterior poida realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe. Por primeira vez ofértanse neste marco prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral dos titulados. A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan.
Así, a modalidade A contempla 48 bolsas para estudar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2023/24. Neste caso a bolsa é de 6.500€ por alumno e a relación de programas formativos ofertados, a razón de 16 prazas cada un.
Pola súa banda, a modalidade B inclúe un total de 60 prazas para cursar cinco ciclos de Formación Profesional Dual nos cursos 2023/24 e 2024/25, cunha bolsa de 10.800€ por estudante. Os alumnos poderán formarse en carpintería, hostalería, coidados, construción ou instalacións térmicas e de fluídos nos cursos que ofertarán cinco centros -Universidade Laboral (Culleredo), Someso (A Coruña), Ferrolterra (Ferrol), IES A Chapela (Redondela) e o CIFP de Vilamarín- e nos que participarán 25 empresas de toda Galicia. Neste caso, durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero a formación práctica nas empresas será sempre presencial, ao igual que todo o segundo curso.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de setembro e deberán facerse a través da aplicación informática Ciclosadmisión. Os requerimentos son os establecidos na convocatoria: con carácter xeral non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 40 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.