Os escolares poden participar no concurso do deseño do cartel do Día Internacional da Muller


Ata o vindeiro 22 de febreiro poderán presentarse os traballos feitos polos centros educativos de ensino non universitario de Galicia. Haberá tres categorías: a primeira destinada ao alumnado de infantil e aos cursos de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria; a segunda para o alumnado de 5º e 6º de educación primaria e para os cursos de de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e de educación especial; e a tercera categoría para 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e 1º e 2º de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e de ciclos de grao superior.
O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.
A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. A iniciativa enmárcase nas accións que promove o Goberno galego a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.