O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo acaba de abrir o prazo para solicitar axudas encamiñadas a intensificar a dixitalización das empresas do sector turístico, cun orzamento de 25 millóns de euros dirixido ao desenvolvemento e implantación de proxectos tecnolóxicos singulares e transformadores. A dixitalización do sector turístico considérase clave para seguir atraendo a turistas cada vez máis hiperconectados e con estancias de maior valor engadido. Por iso, o Plan de Modernización e Competitividade do sector turístico, financiado cos fondos NextGenerationEU, dedica unha atención preferente á dixitalización de empresas e destinos turísticos. As empresas do sector turístico poderán concorrer en modalidade de agrupación e con polo menos un socio tecnolóxico ás subvencións, que oscilarán entre os 300.000 e os 5.000.000 euros.