Abre o prazo para solicitar axudas para a adquisición de vehículos eléctricos


Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, polo que as axudas concederanse por orde de chegada desde este luns. Estas solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras adheridas: concesionarios, no caso de adquisición de automóbiles, e instaladores de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga. A este respecto, aínda continúa aberto o prazo de presentación solicitudes para todos os organismos que queiran actuar como colaboradores.

Como novidade, a nova convocatoria do “Moves III” inclúe este ano dúas únicas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 700 e os 9.000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Así, a compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con axudas de ata 2.000 euros; os turismos recibirán ata 7.000 euros; e as furgonetas poden chegar aos 9.000 euros. Os particulares só poderán dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.