Esta semana púxose en marcha o programa de subvencións ao audiovisual galego de 2023 coa convocatoria das tres primeiras liñas de axudas, que suman un investimento de 775.000 euros para apoiar especificamente as fases de exhibición, difusión e internacionalización. O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as bases das axudas para salas de cinema por importe de 500.000 euros e para a asistencia a foros de negocio especializados e eventos de cine fóra de Galicia, dotadas con 50.000 euros, así como as de festivais audiovisuais, con 225.000 euros.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten previsto abrir nos vindeiros meses as convocatorias para produción e coprodución audiovisual, desenvolvemento de proxectos e impulso do talento, de xeito que o sector será destinatario este ano de máis de 3,7 millóns de euros en axudas para apoiar as empresas en todas as fases do proceso audiovisual: desde a escrita do guión, preprodución do proxecto, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición.