Abre o programa de intercambio escolar EduExchanges a 200 centros educativos

1 minutes read

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade como experiencia piloto en 15 centros educativos no curso 2018-19, e que se estendeu a 30 no 2019-20, ábrese agora a un máximo de 200 centros de toda Galicia, a razón de 50 para Primaria e 150 para ESO e Bacharelato.

A convocatoria, que o vindeiro ano vai ter carácter virtual debido ao contexto de pandemia, está dirixida aos centros públicos que teñan previsto desenvolver programas de intercambios virtuais entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de xuño de 2022, e nela poden participar estudantes que no presente curso estean matriculados en 5º e 6º curso de Educación Primaria, en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO, e en 1º de Bacharelato. O idioma de estudo obxecto do intercambio poder ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno.

Os centros educativos encargaranse de, a través dos grupos de aula participantes, planificar as actividades de intercambio adaptadas ao contexto virtual, baixo a supervisión dun docente que exercerá de coordinador. Cada centro recibirá unha axuda económica de 500 euros destinada a sufragar os gastos derivados do intercambio, para o cal a Consellería estipula un orzamento total de 100.000 euros.