Abre unha nova convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou a segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 cun incremento no seu orzamento ata os 3M€. Trátase dun programa impulsado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de Reactivación cultural co obxectivo de apoiar ao tecido cultural e inxectar liquidez nas empresas ao tempo que se configura unha oferta en galego, ampla, plural e de calidade.

Nesta nova convocatoria, como novidade, incrementarase en 500.000€ o orzamento asignado, chegando así a unha dotación total de 3M€. Ademais, tamén se incrementa a axuda que poden conseguir os beneficiarios, pasando de 10.000€ a 15.000€ no caso de empresas, cooperativas, autónomos con persoal contratado ou entidade sen ánimo de lucro con persoal contratado, e de 4.000€ a 6.000€ no caso dos autónomos sen empregados e empresas unipersoais. Outra das novidades deste ano é a diminución nos prazos de presentación co obxectivo de ofrecer un apoio inmediato ao sector e inxectar liquidez nas empresas o antes posible.

O titular de Cultura, que estivo acompañado por representantes do seu equipo e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mostrouse convencido de que esta nova edición “continuará funcionando como un dos piares básicos da reactivación cultural”. Así, precisou que na primeira convocatoria “programáronse a través deste fondo preto de 400 actuacións escénicas ou musicais”. “Estou seguro de que nesta segunda edición a acollida por parte dos profesionais do sector tamén será moi boa”, afirmou Román Rodríguez.

Neste senso, o conselleiro explicou que o prazo para participar nesta edición abrirá o luns e estará operativo durante un mes. “Este continúa sendo un momento moi delicado para o sector cultural e agardamos que con este novo impulso as empresas e creadores poidan empezar a traballar xa e aproveitar a tempada de primavera e verán”, subliñou. Así, destacou que o principal obxectivo do fondo “é dar a posibilidade a profesionais e empresas galegos de traballar e producir os seus proxectos en condicións especiais sen ter que deixalos aparcados” e, á vez, facilitar o acceso á cultura a toda a cidadanía con fin de que poidan gozar das distintas expresións tanto en liña como de xeito presencial.