Abre unha nova convocatoria para apoiar a inserción laboral de persoas con discapacidade


Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria de axudas dirixidas a favorecer a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos centros especiais de emprego (CEE). O Goberno destinará 24,1 millóns de euros no período 2022-2023 a estes apoios, unha contía que supera nun 20,89% o orzamento inicial da edición anterior e coa que se espera poder beneficiar a máis de 3.700 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 100 postos de traballo indefinido.

Galicia conta na actualidade con 122 centros especiais de emprego rexistrados, que poden optar tamén aos incentivos para o mantemento duns 100 profesionais para dar apoio a máis de 600 persoas con especiais dificultades para acceder a un emprego. As solicitudes poderanse formalizar ata o próximo 27 de outubro.