Abre unha nova convocatoria para crear 12 casas niño máis

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha nova orde de axudas para crear 12 novas casas niño e superar así os 100 centros repartidos por toda a Comunidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou a apertura desta convocatoria. Lembrou que hai seis anos que se concederon as primeiras axudas para a posta en marcha deste servizo de atención á infancia no rural, e na actualidade xa son 89 as casas niño en funcionamento. Con esta nova convocatoria ofertaranse 60 prazas de atención máis grazas á apertura de 12 novos centros, cunha inversión de máis dun millón de euros. Estes centros ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais.