Abre unha nova tempada para a caza do xabaril e do corzo

O período oficial para poder exercer a actividade cinexética sobre o xabaril e o corzo comezou este sábado en toda Galicia. Así consta na resolución publicada no mes de maio pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies que rexerán durante a tempada 2021/2022, entre outros aspectos relacionados co exercicio desta práctica na Comunidade.

Concretamente e segundo o réxime aprobado no caso do xabaril, os períodos e días hábiles para poder exercer a actividade cinexética sobre esta especie en particular dependerán do tipo de terreo.

Así, nos de réxime cinexético especial, incluída a superficie destinada a vedado de caza e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñen aprobadas os tecores, poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos desde hoxe e ata o 27 de febreiro de 2022, nas modalidades de batida, montaría e espera, autorizadas segundo o establecido nos artigos 11 e 12 da devandita resolución.

Nos terreos de réxime cinexético especial que non teñan cuberta a cota de capturas de xabaril aprobada para a tempada 2021/2022, poderán cazar esta especie nos axexos de corzo que teñan aprobados no correspondente plan anual de aproveitamento desde o 1 de abril e ata o 31 de xullo do ano que vén.

En canto aos terreos de réxime cinexético común, a caza estará permitida os xoves, sábados, domingos e festivos desde hoxe e ata o 31 de agosto e desde o 7 de xaneiro ata o 27 de febreiro de 2022. No período comprendido entre o 1 de setembro deste ano e o 5 de xaneiro do próximo, ambos incluídos, unicamente se poderá cazar os sábados.

Así mesmo, queda prohibido realizar, na mesma xornada e mancha — extensión de terreo a bater onde se desenvolve a montería—, batidas sobre o xabaril e practicar a caza sobre especies de caza menor.

Corzo

En canto ao réxime especial aprobado para o corzo, nos terreos baixo réxime cinexético común, con autorización do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, permítese a caza de machos adultos os sábados, desde hoxe e ata o 16 de outubro, nas modalidades de batida e montaría, mentres que os axexos poderán ser todos os días.

Nos terreos baixo réxime cinexético especial, poderanse cazar machos adultos de corzo desde o 21 de agosto ata o 16 de outubro deste ano os sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida e montaría, e calquera día da semana no caso dos axexos.

Así mesmo, tamén se poderán cazar mediante a modalidade de axexo desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2022 calquera día da semana.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha