Abren Bibliotecas, casas museos, o Castelo de Santo Antón e os Museos Científicos

1 minutes read

Tras as novidades anunciadas pola Xunta con respecto da apertura de centros culturais e expositivos, o Concello da Coruña retoma a actividade nos museos municipais, aínda que a reapertura da Torre de Hércules non terá lugar até o luns. Segundo o publicado no DOG, os grupos de visitantes terán un máximo de até catro persoas nas sesións grupais, sexan ou non conviventes, ademais do/a monitor/a ou guía. Por outra banda, estableceranse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da visita, excepto no caso das persoas que pertencen ao mesmo núcleo familiar.

Canto ás bibliotecas, arquivos, auditorios e salas de mostras tamén se verán afectadas por esta rebaixa das restricións coa condición de que todos estes espazos non poderán superar o 30% da súa capacidade máxima. Neste punto, os centros bibliotecarios da cidade, as casas museo e o Castelo de Santo Antón reencontranse xa co seu público en horario habitual mentres que os Museos Científicos estarán abertos tamén, pero funcionarán co sistema de reserva previa de entradas. O Kiosco Alfonso e Palexco están en proceso de montaxe das súas novas exposicións, que se inaugurarán en breve.

No caso dos teatros, o Teatro Rosalía Castro ofrecerá este sábado ás 20.00 horas a obra «Pura», da compañía Os Náufragos Teatro, e o Teatro Colón comezará en marzo a reprogramar funcións.