Nun auto datado este luns, e segundo informou RTVE, o Xulgado de Instrución 19 de Madrid acorda a apertura de xuízo contra o empresario Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, por defraudar presuntamente a Facenda 350.951 euros e servirse dunha trama de facturas falsas cando exerceu xunto a outros empresarios como comisionista na compra de máscaras durante a pandemia de coronavirus. A xuíza Carmen Rodríguez Medel, substituta do Xulgado de Instrución, non acordou medidas cautelares neste procedemento, pero incluíu dous delitos máis dos que determinou a anterior titular do Xulgado, María Inmaculada Iglesias, que foi quen procesou a González Amador o pasado mes de agosto. Estes novos cargos —delito continuado contable e pertenza a grupo criminal— foron solicitados polas acusacións populares, exercidas por Más Madrid e o PSOE.