Ábrese o prazo para solicitar o Bono Coidado para axudar á conciliación das familias

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a apertura do prazo para solicitar o Bono Coidado, unha axuda económica que serve para atender as necesidades puntuais que teñan as familias durante todo o ano. Ademais, esta convocatoria engádeselle unha novidade a este programa, a axuda para sufragar as necesidades das familias galegas en períodos de vacacións escolares, que servirá para financiar servizos de conciliación nestas datas, como campamentos. As persoas interesadas nesta axuda poderán solicitala ata o 30 de setembro.

Como nos anos anteriores, co Bono Coidado poderá solicitarse a contratación dun servizo de conciliación no caso de enfermidade do neno ou do coidador habitual, para cuestións de carácter laboral ou para outro tipo de situacións nas que se precise, sempre e cando sexan xustificables. Neste senso, grazas á novidade engadida este ano, ofrecerase unha axuda durante o verán para a contratación dunha persoa ou para acudir a centros autorizados como ludotecas, espazos infantís ou servizos semellantes, sempre que ambos os dous proxenitores acrediten que, por motivos laborais, non poden facerse cargo da atención do neno de ata 12 anos na época de vacacións escolares.