José Enrique Abuín «O Chicle» foi declarado culpable de “matar intencionadamente” a Diana Quer, pero non de violación. A moza madrileña desapareceu en agosto de 2016 na Pobra de Caramiñal e o seu corpo apareceu máis dun ano despois tras a confesión do Chicle. A tarefa do xurado popular, que deliberaba desde o 26 de novembro, era decidir se Abuín era culpable dos delitos de detención ilegal, asasinato e agresión sexual, como pedía a familia de Quer e que supón a máxima pena (prisión permanente revisable) ou de homicidio accidental, como pedía a defensa do único acusado.
O xurado declara culpable por unanimidade ao acusado dun delito de detención ilegal, outro de agresión sexual e un terceiro de asasinato con alevosía e para ocultar outro delito e subseguinte a un delito contra a libertade sexual.
En canto ás circunstancias modificativas da responsabilidade penal, considera por maioría que as declaracións do acusado contribúen de xeito relevante e non decisivo ao esclarecemento dos feitos.
O xurado opúxose por unanimidade á concesión do indulto e a suspensión da pena, unha pena que a fiscalía e a acusación particular solicitaron que sexa de prisión permanente revisable mentres que a defensa rexeitouna.