Un choque entre dous coches ocorrido na tarde deste sábado na Pobra do Brollón (Lugo) saldouse con dúas persoas falecidas e outra ferida grave. Foi precisa a intervención dos bombeiros para liberalos dos seus respectivos vehículos. Segundo informa o 112 Galicia, unha persoa particular contactou coa central de emerxencias para informar de que se producira un choque entre dous turismos na N-120 á altura de Abrence. Esta persoa aseguraba que podía haber xente atrapada no interior dos coches e que un deles botaba fume polo lateral. Con estes datos, o 112 pasou o aviso aos bombeiros de Monforte e ao GES de Quiroga, así como a Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foron informados a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil da Pobra do Brollón e o persoal do servizo de mantemento da vía. De feito, houbo que interromper o tráfico na estrada para facilitar o acceso e o traballo dos servizos de emerxencias desprazados ao momento ao lugar. Neste accidente faleceron dúas persoas, unha no lugar do sinistro e outra no hospital, mentres que unha terceira, foi trasladada do lugar polos efectivos do 061.