Un veciño de Buño, Malpica, perdeu a vida nun accidente de tráfico ocorrido a pasada noite á altura da parroquia de Cances, no concello de Carballo.
O 112 Galicia recibiu varias chamadas, ás 23:45 horas, que alertaban dun accidente no punto quilométrico 3 da estrada comarcal AC-418, en Cances. Durante as comunicacións, xa se afirmaba que o corpo dunha persoa estaba tendido na calzada.
De contado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) informouse aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos Bombeiros e membros de Protección Civil da localidade. Ademais, tamén se lle notificaron os datos ao persoal de mantemento da vía.
Unha vez no lugar, o persoal sanitario tan só puido confirmar o falecemento desta persoa de 33 anos e veciña de Buño.
A fatalidade repítese
A estrada AC-418 está a ser unha ‘sega vidas’ nos últimos tempos, sin olvidarnos da DP-1914 Carballo- Portomouro. Multitude de accidentes con resultado de vítimas mortais lévanse contabilizado nestas dúas estradas, sobre todo de xente nova.
Cando menos chamativo é que se repite a historia 24 anos máis tarde e con moi pouca diferenza de tempo e espazo. Case que no mesmo día, á mesma hora e no mesmo lugar. Por aquel entonces era o 6 de decembro de 1.997, no quilómetro 2 da AC-418, aínda carretera vella, tamén perdía a vida nunha saída de vía un mozo de 23 anos veciño da parroquia de Cances.