Accidente mortal en Santa Comba

Estado no que quedou o vehículo sinistrado_Garda Civil.

Un home de 45 anos perdeu a vida este xoves tras chocar por alcance cunha retroexcavadora no punto quilométrico 62,3 da estrada AC-400, nun tramo recto ao seu paso pola Pereira, en Santa Comba. Segundo fontes próximas o falecido era natural do lugar de As Caselas aínda que residía en Carnota.

As chamadas de alerta ao 112 Galicia das testemuñas do accidente permitiron activar un operativo no que participaron bombeiros e sanitarios, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.

Segundo indicaron as persoas que contactaron co servizo telefónico de emerxencias, o vehículo estaba moi danado, o que lles fixo pensar na posibilidade de que o condutor estivese atrapado. Unha vez no lugar do sinistro, os Bombeiros do Xallas comprobaron que poderían sacar á vítima sen medios de excarceración, pero estaba xa sen pulso. Con todo, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon á persoa, pero sen éxito de recuperación.

Desde o 112 Galicia, pediuse tamén a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como dos membros do Servizo Local de Protección Civil e persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas. O equipo de Atestados da Garda Civil de Corcubión investiga as causas do sinistro.