Accidente por alcance en Carballo cunha persoa ferida


Unha moza resultou ferida nun accidente por alcance ocorrido minutos despois das tres e media da tarde deste venres na estrada AC-418 que une Carballo e Malpica, a uns douscentos metros da rotonda de Punta del Este. Un turismo que circulaba sentido Carballo-Buño alcanzou, por cuestións que se investigan, presuntamente por detrás ao que circulaba diante súa.

Como consecuencia do golpe, e logo de recibir unha primeira exploración médica no punto, unha persoa tivo que ser evacuada do lugar ao hospital nunha ambulancia. Tras o aviso pasado polo 112 Emerxencias Galicia, foron mobilizados o 061, a Policía Local e os Bombeiros de Carballo, así como unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.

As persoas estaban accesibles, pero foi necesaria a limpeza da estrada, que tivo un carril cortado sentido Malpica mentres non foron retirados os vehículos da vía.