‘Acende o Xacobeo’ amplíase para darlle a benvida ao Ano Santo en 2022

1 minutes read

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou unha nova edición desta proposta, que permitirá iluminar medio cento de edificios significativos de toda Galicia distribuídos polos dez itinerarios xacobeos.
A iluminación na comunidade galega terá lugar durante as fins de semana entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, tempo durante o que se iluminarán coa frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22 un total de 52 edificios das catro provincias.
Durante a súa intervención, Nava Castro, lembrou a excelente acollida que tivo o Acende o Xacobeo, que motivou que se decidira mantela nas cidades ao longo de todo este ano 2021 en que estiveron iluminados 11 fachadas de edificios nas principais cidades galegas. “A estes once emprazamentos, situados en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense uniranse a partir do 23 de decembro outros 41 monumentos repartidos por todos os Camiños de Santiago, cos que se quere lembrar que o Xacobeo continúa en 2022”.
A iniciativa está aberta a todos os concellos do Camiño de Santiago que queiran unirse, aos que se lle proporcionarán os detalles técnicos precisos para que poidan adherirse. Do mesmo xeito, o proxecto xa se lle trasladou ao resto das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño e ás Oficinas de España no Estranxeiro (OET) para que se poidan volver unir á celebración deste Xacobeo.