Achan o corpo dun home flotando no mar de Ribeira

Policía Nacional

Trátase dun mariñeiro duns setenta anos que foi achado na auga, á beira do peirao de Aguiño (Ribeira).

O 112 Galicia recibiu unha alerta preto da medianoite de onte cando un veciño lles avisou de que un corpo estaba a flotar na auga.

Ata o lugar dos feitos achegouse o equipo de Salvamento Marítico que dispuxo da embarcación Sargadelos para recuperar a vítima; con todo, foron os axentes da Policía Nacional quen sacou o corpo da auga.

Aínda se están investigando as circunstancias que rodean este suceso.

Outro suceso en Ribeira
Minutos antes, tamén en Ribeira, o 112 Galicia rexistrou esta pasada noite de luns outro suceso. Neste caso, un accidente de tráfico na Rúa Manzanares que se saldou cunha persoa ferida.

Tratouse dun turismo que chocou contra outro que estaba estacionado e, aínda que nun primeiro momento, parecía que o ocupante estaba atrapado, finalmente puido saír do vehículo coa axuda dos veciños. Igualmente, necesitou asistencia médica, polo que desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais das 061-Urxencias Sanitarias.

Tamén se pediu a colaboración das forzas da orde para coñecer como sucederon os feitos.