O deputado do BNG Óscar Insua defendeu no Parlamento unha proposta para reclamar ao Estado actuacións urxentes que permitan dotar de medios o Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galiza, que traballa baixo mínimos, en condicións de precariedade e con embarcacións obsoletas nunha costa que, lamentou, segue a ser porta de entrada para a droga que vén de Sudamérica, tal e como se confirmou este verán.
A iniciativa saíu adiante coa unanimidade da Comisión 1ª en tres dos catro puntos que defendeu Insua que, en primeiro lugar e ante a carencia evidente de medios, reclamou con carácter de urxencia que o Estado autorice a utilización provisional das embarcacións incautadas pola SVA a finais de agosto ao barco Lila Mumbai en Alxeciras para destinalas ás bases marítimas do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galiza.
O texto aprobado a iniciativa do BNG recolle ademais a demanda ao Estado de licitación dos contratos necesarios para renovar a flota do SVA, utilizando no prego de condicións a división en lotes e a prohibición de adxudicar máis de un a calquera licitador, con fin de que axilizar as entregas.
Como terceiro punto, a iniciativa recolle solicitar a creación dunha base marítima permanente e o establecemento dunha unidade de investigación terrestre do SVA na Costa da Morte, unha zona que, segundo lamentou Oscar Insua, segue a ser un “burato negro” para a entrada de droga.
Os tres puntos, con peticións dirixidas ao Goberno do Estado, foron aprobados pola maioría dos grupos parlamentarios. Non así o cuarto, no que o BNG instaba á Xunta a iniciar as negociacións para a transferencia a Galiza do Servizo de Vixilancia Aduaneira porque “quen mellor que os galegos e as galegas para vixiar e xestionar o noso litoral”, preguntou o deputado.
Na defensa da proposición non de lei, Insua advertiu que a falla de persoal e o envellecemento do cadro, xunto á precarización das condicións laborais, os problemas de operatividade por carencia de medios e a cooperación deficiente con outras forzas e corpos de seguridade está a poñer en risco a eficacia do servizo para facerlle fronte ás redes criminais, cada vez máis complexas e organizadas.
Segundo o Global Drug Intelligence Network xestionado pola Garda Civil, afondou, até o 2024 recibíase unha alerta cada trimestre pola chegada dun submarino, mentres que nos pasados xullo e agosto xa foron máis de cinco as alertas activadas en cada un destes meses.
O deputado da Costa da Morte subliñou, neste punto, que este verán evidenciouse claramente a desprotección da costa fronte ás redes internacionais ao darse de baixa as embarcacións das bases de Ribadeo e Muro, as constantes reparacións dos barcos pola antigüidade dos mesmos e a paralización do helicóptero con base en Vigo por razóns de mantemento. No mes de xullo houbo unha semana na que todas as embarcacións do SVA estiveron de reparacións en estaleiros, quedando a costa totalmente libre para a entrada de alixos de droga.